A 23ª edición de Cineuropa rematou. Foron máis de 160 filmes os proxectados entre o 4 de novembro e o 2 de decembro de 2009 en catro salas diferentes da cidade. Cinema chegado desde todas as partes do mundo e cinema feito aquí, no noso país. E sempre cinema comprometido e de calidade, que permite a audiencia mergullarse noutras culturas e coñecer de preto outras realidades para obter unha visión máis ampla do mundo.
Como cada ano, o evento premiou a dous persoeiros relevantes no mundo do cinema internacional. Nesta ocasión foron Fernando Trueba, gañador dun Óscar e que este ano repite nesa cerimonia co filme O baile da vitoria, que se estreou en Cineuropa; e Mabel Rivera, actriz galega comprometida e preocupada polas situacións inxustas que percibe ao seu redor.
Pero esta edición foi tamén a da música, a palabra e a historia. Da man do cinema, milleiros de espectadores e espectadoras se aproximaron aos Beatles, á Transición en Galiza, bailaron coa banda dos Crebinsky… O extraordinario universo cinematográfico de Cineuropa foi máis diverso ca nunca. A vindeira cita: novembro de 2010.