Luís Tosar
Naceu en Lugo, en 1971, aínda que a súa familia é de Xustás, Cospeito. Foi un profesor de literatura quen lle meteu no corpo o verme da actuación, estando no instituto. Alí coñeceu tamén ao seu amigo o director de cinema Jorge Coira, con quen fixo as primeiras intrepretacións. Froito desta colaboración, xurdirían máis tarde curtas como
Contos de Alentraia: Tornabón (1994),
As Xoias da Señora Bianconero (1994) ou
O Matachín (1995) .
Pero tamén se adentrou no mundo da música como vocalista do grupo de rock Los Huana e constituíu xunto a César Martínez 'Goldi' o dúo cómico The Magical Brothers. Trasladouse a Santiago para estudiar Historia na Universidade, onde entrou en contacto co teatro e pasou a traballar con Mofa e Befa e con Ollomol, entre outras compañías, sen deixar de facer curtas.
En 1998, o seu papel de xuíz na serie da
TVG Mareas Vivas converteuno nun dos actores máis populares do panorama galego. Dous anos máis tarde recibiu unha nominación aos premios Goya como Actor Revelación, pola longametraxe
Flores doutro mundo, dirixida por Icíar Bollain.
A partir de entón, Tosar non deixou de engrosar a súa filmografía. Entre 2001 e 2005 rodou un total de 13 películas, a metade delas neste ano, e agora ten pendente de estrea filmes como
Miami Vice de Michel Man,
As vidas de Celia de Antonio Chavarrías,
Hotel Tívoli de Antón Reixa,
Cargo de Clive Gordon,
Un día en Europa: Galatasarai-Dépor de Hannes Stöhr e
A noite do irmán de Santiago García de Leániz.