{*tit_cineuropa}

Premio Cineuropa 2009. Fernando Trueba

Filmografía

  • El baile de la victoria (2009)
  • El milagro de Candeal (2004). Premio Goya á Mellor Película Documental
  • El embrujo de Shanghai (2002)
  • Calle 54 (2000)
  • La niña de tus ojos (1998)
  • Two Much (1994)
  • Belle Époque (1992). Premio Goya ao Mellor Director. Oscar á Mellor Película de Fala non Inglesa en 1994
  • El sueño del mono loco (1989). Premio Goya ao Mellor Director
  • El año de las luces (1986)
  • Sé infiel y no mires con quién (1985)
  • Sal gorda (1983)
  • Mientras el cuerpo aguante (1982)
  • Ópera Prima (1980)


Compostela cultura

Premio Cineuropa 2009. Fernando Trueba


Mabel Rivera, premio Cineuropa 2009
Fernando Trueba, premio Cineuropa 2009
Jaime Rosales, premio Cineuropa 2008
Pablo Trapero, premio Cineuropa 2008
Vicente Aranda, premio Cineuropa 2007
José Luis Guerín, premio Cineuropa 2007
Jane Birkin, premio Cineuropa 2007
Bahman Ghobadi, premio Cineuropa 2006
Luís Tosar, premio Cineuropa 2005
Manoel de Oliveira, premio Cineuropa 2004
Bigas Luna, premio Cineuropa 2003
Federico Luppi, premio Cineuropa 2002
Juan Echanove, premio Cineuropa 2001
Premio Cineuropa 2000

Comezou a traballar nos anos 70 realizando curtametraxes: Óscar y Carlos, Úrculo (1977), En legítima defensa (1977), Homenage á trois (1979), El león enamorado (1979). Tamén escribe varios guións cinematográficos como Cuentos eróticos e La mano negra (1980) de Fernando Colomo. Realizou crítica cinematográfica, nas páxinas do xornal El País e no semanario Guía del Ocio e dirixiu a revista Casablanca, que el fundou.

No 1980 rodou Ópera prima, o seu primeiro filme como director, que conseguiu un grande éxito de crítica e billeteira. Ópera prima obtivo varios premios na Mostra de Cine de Venecia. Tras dous anos de silencio, Trueba funda, xunto a Óscar Ladoire, a produtora Opera Films. No 1982 dirixe a película Mientras el cuerpo aguante, que se presentou ao Festival de Cine de San Sebastián. Despois veu Sal gorda, cuxo guión está escrito a medias entre Trueba e Ladoire. No 1985, Trueba leva ao cine a adaptación da obra teatral Sé infiel y no mires con quién. No 1987 o seu filme El año de las luces obtivo o Oso de Prata do Festival de Berlín.

No ano 1988 aceptou ser novo Presidente da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España durante catro improrrogables meses substituíndo no cargo a José María González Sinde. Neste posto permaneceu ata o 18 de decembro de 1988.

En setembro de 1988 dirixiu dous capítulos da serie televisiva La mujer de tu vida e, dous meses despois, comezou a rodaxe en París do seu filme El sueño del mono loco, co que se apartou da comedia por primeira vez e se introduciu no chamado thriller psicolóxico. O filme, protagonizado polo actor estadounidense Jeff Goldblum, presentouse ao festival de Cine de Venecia e foi candidata española na competición dos premios Felix do cine europeo. El sueño del mono loco obtivo seis premios Goya da Academia Española: mellor película, mellor director, mellor guión adaptado, mellor produción, mellor fotografía e mellor montaxe.

Debutou como director teatral coa obra El trío en mi bemol, única peza do director cinematográfico francés Eric Rohmer. En decembro de 1992 estreou a película Belle Epoque con guión de Trueba, José Luis García Sánchez e Rafael Azcona. O filme transcorre en 1931 e narra os enredos sentimentais e sexuais dun mozo coas catro fillas dun pintor liberal. Foi a gran vencedora na sétima edición dos premios Goya que o 14 de marzo de 1993 concedeu a Academia do Cinema Española. Ese ano, Belle Epoque representou a España no Festival de Cine de Berlín e obtivo o Oscar á mellor película de fala non inglesa.

En 1993 Trueba traballou con Rafael Azcona no guión da película La niña de sus ojos, a historia dunha muller e catro homes en pleno nazismo. En 1995 rodou en Miami a súa primeira película hispano-norteamericana, a comedia Two Much, interpretada por Antonio Banderas, Melanie Griffith, Daryl Hannah, Danni Aiello e Joan Cusack. O 27 de xuño de 1996 foi condecorado coa insignia de Cabaleiro da Orde das Artes e as Letras da República francesa. E o 20 de decembro foi distinguido coa Medalla de Ouro ás Belas Artes, en España.

En 1998 dirixe La niña de mis ojos, basada nun guión de Rafael Azcona e David Trueba. Por el recibiu na XIII Edición dos Premios Goya, celebrado en xaneiro de 1999, sete galardóns: mellor película, mellor interpretación feminina, actor revelación, dirección de produción, dirección artística, deseño de vestiario e mellor maquillaxe. En 2000 amosa a súa devolución polo latin-jazz en Calle 54. Trátase dun minucioso traballo de investigación e seguimento no que se rende homenaxe aos artistas máis destacados do latin-jazz. Inclúe, entre outros, artistas brasileiros (como Eliane Elias), cubanos (como Paquito D'Rivera, Bebo Valdés e Chucho Valdés), españois (como Chano Domínguez), dominicanos (Michel Camilo), portorriqueños (Tito Puente ou Jerry González) e arxentinos (Gato Barbieri).

En 2002 adapta a novela de Marsé El embrujo de Shangai, protagonizado por Ariadna Gil. En 2004 viaxa a Salvador de Bahía para amosar o traballo de integración social realizado nas zonas suburbiais en El milagro de Candeal. En 2009 filma El baile de la victoria, presentada fóra de concurso no festival de San Sebastián e que terá o seu segundo pase mundial este ano en Cineuropa. Representará ao Estado español na vindeira edición dos Oscars.

A gala de entrega do Premio Cineuropa 2009 a Fernando Trueba celebrarase o 19 de novembro ás 21.00 horas no Teatro Principal de Compostela. A seguir proxectarase o filme El baile de la victoria.

 
Concellaría de Cultura.
Concello de Santiago de Compostela, 2009