Premio Cineuropa 2009. Mabel Rivera
Mabel Rivera, premio Cineuropa 2009
Fernando Trueba, premio Cineuropa 2009
Jaime Rosales, premio Cineuropa 2008
Pablo Trapero, premio Cineuropa 2008
Vicente Aranda, premio Cineuropa 2007
José Luis Guerín, premio Cineuropa 2007
Jane Birkin, premio Cineuropa 2007
Bahman Ghobadi, premio Cineuropa 2006
Luís Tosar, premio Cineuropa 2005
Manoel de Oliveira, premio Cineuropa 2004
Bigas Luna, premio Cineuropa 2003
Federico Luppi, premio Cineuropa 2002
Juan Echanove, premio Cineuropa 2001
Premio Cineuropa 2000
Naceu en Ferrol en 1952. Iniciouse no teatro nos anos 70, participando aproximadamente en dez espectáculos antes de 1984, ano no que participa na fundación do Centro Dramático Galego, onde comeza a traballar como profesional incorporándose a Agasallo de sombras, un dos primeiros elencos desta compañía dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Tamén intervén para o CDG en Os vellos non deben de namorarse (1985), de Castelao, O enfermo imaxinario, de Molière, e As alegres casadas (1989), de William Shakespeare, as tres obras dirixidas por Eduardo Alonso.
En 1987 funda Teatro do Malbarate, dentro do cal intervén nas obras Xogos de damas (1987), de Ánxel R. Ballesteros; Galicia, S.L. (1988), de varios autores -ambas as dúas dirixidas por Eduardo Alonso-; Inventarios (1990), de Philippe Minyana e dirixida por Fernanda Lapa; e Xogos á hora da sesta (1991), de Roma Mahieu, con dirección de Cándido Pazó.
En Galiza fíxose coñecida como a protagonista dunha das series de maior éxito da TVG, Pratos combinados, onde interpretou o personaxe de Balbina. O recoñecemento a nivel estatal chegoulle ao ser unha das actrices da oscarizada película Mar adentro, dirixida por Alejandro Amenábar e que lle valeu o Premio Goya das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España á Mellor Actriz de Reparto; o Premio Sant Jordi de Cinematografía á Mellor Actriz Española e outra longa lista de recoñecementos.
Tamén en televisión intervén na miniserie La bella Otero (2007), de Jordi Frades. Ese mesmo ano obtén o Premio Mestre Mateo como mellor actriz secundaria en papel cinematográfico por Hotel Tívoli, de Antón Reixa.
Na súa filmografía destacan tamén as súas intervencións ás ordes de Milos Forman en Os fantasmas de Goya (2006); de Juan Antonio Bayona en O orfanato (2007); así como a participación en Esperpentos (2007), de José Luis García Sánchez segundo os textos de Valle, e en Galanas (2009), de Samuel Martín Mateo.
Igualmente é reseñable o papel de Mabel Rivera, no terreo do cine "de compromiso", ao intervir en dous dos traballos que conformaron no 2005 a obra-manifesto colectiva Hai que botalos, así coma nos dous documentais Unha lousa sobre o Caurel e Planta de Gas: o salario do silencio, que coproduciu e no que interveu xunto ao seu compañeiro, Henrique Banet, e nos que dá mostras do seu criterio político ao tempo comprometido e independente de siglas.
A gala de entrega do Premio Cineuropa 2009 a Mabel Rivera celebrarase o 16 de novembro ás 21.00 horas no Teatro Principal de Compostela. A seguir proxectaranse os documentais Unha lousa sobre o Caurel e Planta de Gas: o salario do silencio.