Director: Rubén Pardiñas
O cineasta vigués Rubén Pardiñas tense achegado na súa aínda breve obra aos lindes lingüísticos do galego, desprazándose en 'Fronteiras' até aquelas zonas nas que, ficando fóra da Galiza administrativa, fálase galego e, n'A terceira póla', até a comarca estremeña de Valverde do Fresno, onde se conserva unha variante do galego-portugués.
O documental Fronteiras trata sobre as fronteiras sociolingüísticas de Galiza no Eo-Navia (Asturias), O Bierzo (León), As Portelas (Zamora) e Portugal. Destacados filólogos, como Francisco Fernández Rei ou Xosé Lluís García Arias tamén achegan o seu punto de vista, ademais dos presidentes da Real Academia Galega e da Academia de la Llingua Asturiana, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Ana Cano.
Doutra banda, o filme inclúe entrevistas aos habitantes de vilas e aldeas como Vilafranca do Bierzo (León), Ibias (Asturias) ou Castro Laboreiro (Portugal), cuxa decisión sobre a súa propia identidade "debe primar ante todo á hora de definila", di Pardiñas. O director explica como "neste grupo, hai de todo, dende o que razoa que el é castelán falando nun galego impecábel até o que reclama a anexión a Galicia".
A cuestión central que Fronteiras presenta é que aínda que as fronteiras administrativas xa están fixadas e poucos as discuten, os límites culturais son difusos e están no centro do debate, tanto para os intelectuais como para a xente que vive entre dúas terras. "Sen tomar partido por ningunha opción, nós queremos reflectir ese debate", afirma o seu director Rubén Pardiñas.
N'A terceira póla, Pardiñas bota man para o título dunha expresión empregada por moitos filólogos para se referiren a unha terceira variante lingüística derivada do tronco común galego-portugués (galego medieval). Ademais do galego actual e o portugués, ese tronco tería dado lugar a partires do século XIII a unha variedade esencialmente galega que aínda pervive, séculos despois, na illa lingüística do Val de Xálima, nunha zona situada na actual confluencia das provincias de Salamanca e Cáceres con Portugal.
A terceira póla é un achegamento aos habitantes dos tres concellos galegofalantes de Extremadura (Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de Trevello), que opinan sobre a orixe da súa lingua, falan da súa identidade e tamén dos seus vencellos con Galiza. Interveñen, ademais de paisanos da zona, xente coma Xosé Henrique Costas, filólogo especialista no valego, Francisco Fernández Rei, catedrático de filoloxía románica, Domingo Frades, académico correspondente para Extremadura da Real Academia Galega ou Máximo Gaspar, alcalde de San Martín de Trevello.
FRONTEIRAS
Dirección e guión:Rubén Pardiñas Carracelas
Xefe de son: David López
Produtor, montaxe, 2º operador de cámara: Carlos Aguilera
Produción: Miguel Gavito
Música: Os Resentidos, A Banda de Poi, Siniestro Total
Produción executiva: Emilio González Martí
TERCEIRA PÓLA
Director/a: Rubén Pardiñas
Guión: Rubén Pardiñas
Produtor: Miguel Gavito
Montaxe: Carlos Aguilera
Xefe de son: David López Álvarez
Terceiro Operador de Cámara: Carlos Aguilera
Imaxe: Carlos Aguilera